26 septiembre, 2024
A Corporación da Baña aprobou por unanimidade no pleno de onte solicitarlle unha subvención nominativa á Deputación da Coruña para continuar coa mellora da estrada de Lañas. Tamén por unanimidade se aprobou o convenio de cesión de terreos para a mellora do camiño de Monelos, a conta xeral de 2023 e a modificación do Plan Municipal de Voluntariado.
O proxecto de mellora do tramo entre Lañas e Pazo da CP-0702 ten un orzamento de 299.999 euros, e o Concello da Baña vaille solicitar á Deputación da Coruña unha subvención nominativa de 200.000 euros, comprometéndose a financiar os 99.999 euros restantes con fondos propios ou con achegas doutras administracións.
Tamén por unanimidade se aprobou a conta xeral de 2023 e o convenio firmado cos propietarios implicados para a cesión de terreos que permitirán arranxar o primeiro tramo do Camiño de Monelos.
Todos os grupos estiveron tamén de acordo en modificar o Plan Municipal de Voluntariado, permitindo agora unha compensación económica polos gastos de dedicación e desprazamento xerados pola colaboración das persoas voluntarias cun importe de 8,33 euros/hora. Este cambio está pensado, fundamentalmente, para facilitar que o servizo de Madrugadores poida ser atendido por persoas voluntarias, que percibirán o mesmo importe que a Xunta destina as persoas que colaboran cos servizos de comedor. Deste xeito, o Concello poderá prestar un servizo fundamental de conciliación para familias que levan as súas crianzas tanto ao CPI San Vicente como a CRA de Lañas.
No capítulo de mocións, a presentada polo equipo de goberno reclamándolle á Xunta e a Sogama que non apliquen o incremento do canon previsto para 2025 e que se manteña o desconto do 15% actual foi aprobada cos votos a favor de PSdeG e BNG (6). A proposta tamén pide ampliar as plantas de biorresiduos existentes, como estaba previsto no plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2022.
O PP votou en contra desta iniciativa, e presentou unha moción tamén sobre o canon de Sogama na que reclamaban que, primeiro, o Goberno central retirara o imposto que se aplicará a incineración de residuos e non aplique aínda a directiva de Bruxelas, como fan a maioría de países da Unión Europea, dixo o portavoz popular, Andrés García Cardeso.
O alcalde, José Antonio Pereira (PSdeG), e a tenente de alcalde Mónica González (BNG), insistiron que “quen aplica subida do canon é Sogama, que é unha empresa controlada pola Xunta. Se suben o canon, ese incremento vai repercutir na subida do recibo do lixo da veciñanza da Baña. É Sogama que debe tomar a decisión e non subir o canon”, aseguraron dende o goberno da Baña. A moción do PP foi rexeitada cos seis votos en contra de PSdeG e BNG, e cinco a favor do PP.
Tamén foi rexeitada a moción presentada polo PP sobre Venezuela.
No último apartado, en resposta á pregunta formulada polo PP de cando vai tomar posesión o persoal que aprobou a oposición do proceso de estabilización, o alcalde comprometeuse a que se fará antes do 31 de decembro, que é o prazo que establece a normativa vixente. José Antonio Pereira explicou que está á espera de que a secretaria-interventora analice o expediente para culminar o proceso.
Mónica González, pola súa banda, explicou que tras unha reunión co director xeral de Familia, Jacobo Rey, o Concello da Baña vaille solicitar á Xunta unha subvención para converter o PAI nunha escola infantil con 35-40 prazas e poder así atender todas as solicitudes das familias. O punto de atención á infancia conta actualmente con 20 prazas, e este curso moitas familias quedaron en lista de agarda.