24 noviembre, 2025
A aula CeMIT de Ames incorpora novas formacións á súa programación para os derradeiros meses do ano. Nesta ocasión, propoñen dous cursos para adultos e tres formacións para a rapazada que se impartirán ao longo das vacacións de Nadal.
Cursos para adultos
Ofértanse 14 prazas para cada curso de carácter presencial. Os alumnos poderán facer uso da aula aberta tanto antes coma despois para realizar practicas adicionais ou consultar dúbidas sobre calquera tema.
O primeiro dos cursos que se incorporan á programación da aula CeMIT nesta época final do ano é “Compras seguras a través de internet”, que se impartirá os vindeiros días martes 25, mércores 26 e xoves 27 de novembro en horario de 10.00 a 12.00 horas. O obxectivo deste curso é aprender o proceso completo para poder realizar unha boa compra a través da rede e, así, evitar posibles estafas. Deste xeito, o alumnado aprenderá a buscar a mellor oferta, os métodos de pago seguros para realizar as compras, o proceso postventa, dereitos que temos como consumidores e como realizar unha posible devolución dun produto.
Tras esta formación, dará comezo “Iniciación a internet”, que se desenvolverá no mesmo horario, de 10.00 a 12.00 horas os martes e xoves. Nesta ocasión, desde o 2 de decembro ata o 26 de marzo. Neste curso farase unha introdución no uso da rede, ideal para o alumnado que xa estea familiarizado co manexo do ordenador. Así, as persoas participantes aprenderán como funcionan os navegadores de Internet, acceder ás distintas páxinas web e servizos que podemos atopar na rede, buscas de imaxes ou manexo de plataformas multimedia, entre máis cousas.
Cursos para menores de idade
Cómpre lembrar que o menor debe estar rexistrado previamente na rede CeMIT para poder matricularse en calquera destes cursos. Pode facelo pasando pola aula ou a través desta ligazón.
Para os máis pequenos da casa hai tres formacións, que se levarán a cabo ao longo das vacacións de Nadal, para que a rapazada poida continuar a aprender dun xeito lúdico e interactivo. O primeiro dos cursos está dirixido para os nenos e nenas de 5 a 7 anos e é “Postais de Nadal con Paint”, que se desenvolverá do 22 ao 29 de decembro, en horario de 10.30 a 12.00 horas. Nesta formación, o alumnado comezará a introducirse no mundo da informática a través da creación de postais de Nadal co programa Paint.
A segunda formación estará dirixida á rapazada de 8 a 10 anos e será “Postais de Nadal con pixelart”, que terá lugar do 23 ao 30 de decembro, en horario de 10.00 a 12.00 horas. Nesta ocasión, o alumnado aprenderá a facer debuxos de Nadal con programas pixelart (debuxos de baixa resolución semellantes aos dos videoxogos clásicos).
O derradeiro curso é “Postais de Nadal animadas con Scratch” e estará dirixido aos menores de 10 a 14 anos. Impartirase do 26 de decembro ao 2 de xaneiro, en horario de 10.00 a 12.00 horas. Como nas outras dúas propostas, o alumnado debuxará diferentes postais de Nadal pero, desta volta, con Scratch, unha aplicación de programación por bloques moi visual e axeitada para que os menores comecen a usar a lóxica da informática na programación.