18 junio, 2024
Un ano máis, o Castelo de Vimianzo será o escenario durante os meses de verán de diversos obradoiros de artesanía, un dos principais atractivos culturais e turísticos do municipio.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, a concelleira de Cultura, Rosa Blanco, e a técnica municipal desta área, Nieves Lema, reuníronse esta mañá cos artesáns e artesás que levarán a cabo os talleres e presentaron a programación para esta nova tempada.
En xullo haberá un total de tres obradoiros: o primeiro, o día 13, será da man da asociación ASPADEX e tratará sobre a confección con liño. O día 20 será a quenda do Obradoiro Lista co seu taller ‘Modela co barro’, co que achegarán a arte da olería de Buño. Por último, o xoves 27, a Asociación Palilleiras As Nemanquiñas ensinará como repenincan os panillos e daranlle a posibilidade de probar esta técnica ás persoas participantes.
As contas de vidro serán as protagonistas do primeiro taller do mes de agosto, que se celebrará o día 3, que contará con Esther Ferreiro ensinando como se realizan con soplete. O día 10 haberá unha nova oportunidade para aprender a panillar coa Asociación As Nemanquiñas, e o 17 para aprender a tecer o liño, nesta ocasión grazas á A.V. O Santiaguiño de Carreira. O día 24 será a oportunidade para coñecer a técnica de trenzar palla, unha especialidade da que a Asociación Arte en palla de Baíñas nos desvelará todos os segredos. Por último, o día 31, volveremos a modelar o barro e coñecer todos os detalles da olería de Buño co Obradoiro Lista.
Chema Suárez será o encargado de inaugurar os obradoiros no mes de setembro. Farao o sábado 7 cunha sesión na que ensinará como se fan as maquetas de barcos. Por último, a Asoc. Amigos do Liño de Galicia ofrecerá unha sesión sobre como fiar o liño o venres 13 de setembro.
Os obradoiros desenvolveranse ás 11:00 horas, agás os do 27 de xuño e 13 de setembro, que serán ámbolos dous ás 17:00 horas.
Cada taller contará cun total de 12 prazas, a excepción do taller de Contas de vidro, que terá 8. Todos requiren de inscrición previa.
Horario de verán
Durante estes meses, concretamente do 15 de xuño ao 15 de setembro, o Castelo de Vimianzo manterá as súas portas abertas en horario de 10:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:30 horas. A última admisión é 15 minutos antes da hora de peche.