11 octubre, 2024
O equipo directivo da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono Industrial da Tomada, formado polo Concello da Pobra do Caramiñal e por representantes de empresas do polígono, mantivo na mañá do 9 de outubro unha reunión de traballo con Beatriz Sestayo, xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), entidade que xestiona o chan do polígono industrial no concello pobrense.
Durante a xuntanza, que serviu para presenta-lo novo equipo directivo da Entidade Urbanística de Conservación, liderado pola súa presidenta e directiva de Relacións Externas de Congalsa, Isabel Cañas, tamén se trasladou a necesidade de abrevia-los tempos para unha nova fase de ampliación dos terreos do parque empresarial. Neste senso, Isabel Cañas declarou que “a demanda de espazo é cada vez maior e contar cun polígono industrial con chan dispoñible é un grande atractivo para que se instalen novas empresas e para que as que están e necesiten máis espazo poidan chegar a el.”
Ademais, recordou que se trata dunha zona industrial estratéxica para a economía galega, xa que reúne a unha parte importante das industrias relacionadas co mar e atópase moi ben comunicada, “polo que é unha oportunidade para a nosa contorna contar con máis espazo empresarial”, indicou Isabel Cañas.
Seguindo esta liña tamén se expresou a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, quen incidiu na vontade da entidade que dirixe de acometer a ampliación do polígono da Tomada. “A nosa intención é axilizar ao máximo as xestións, pero, para que poidamos acomete-la inversión, urxe atopar a localización máis adecuada. Dende SEA levamos moito tempo traballando para buscar solucións ás demandas dos empresarios, tendo en conta que hai varios que manifestaron a súa intención de establecerse na zona”, engadiu Sestayo. Tal é o interese de SEA no proxecto, que leva anos apostando por esta comarca buscando localización “para o que pretendemos consegui-lo consenso de tódolos operadores e administracións implicadas. Solicitamos chan na Pobra, sen descartar outros puntos da comarca, e esa vontade é a que mantemos”, concluíu.
Pola súa parte, o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, explicou que “seguimos traballando para que se materialice unha nova ampliación do polígono industrial da Tomada; un paso crucial para o crecemento económico da nosa localidade e a xeración de emprego.” Resaltou tamén que “o noso polígono goza dun tecido empresarial heteroxéneo e dinámico, con empresas líderes nos seus respectivos sectores. Así mesmo, está nun lugar estratéxico, con moi boas comunicacións e servizos no arredor. Témolo todo, só nos falta maior superficie empresarial.”
Esta actuación será beneficiosa “dende a perspectiva económica e social, pois somos moitos os concellos que temos como reto a fixación de poboación e a creación de postos de traballo xoga aquí un papel fundamental. O Concello seguirá traballando para traer máis chan industrial, máis riqueza para o noso municipio, máis apoio ás nosas empresas e emprendedores”, salientou o rexedor.
O polígono industrial da Tomada executouse en dúas fases xestionadas por SEA. A primeira, cunha superficie bruta próxima aos 223.000 metros cadrados, constou de 48 parcelas e instaláronse 35 empresas nunha área industrial que superou os 142.000 metros cadrados. Esta fase leva en funcionamento dende 1995.
A segunda fase, inaugurada no 2015, desenvolveuse sobre unha superficie bruta de 106.350 metros cadrados, dos cales, máis de 76.000, destináronse a 25 parcelas de entre 1.800 e 5.000 metros cadrados que, en tan só catro anos, foron ocupadas na súa totalidade.
A terceira fase podería executarse sobre unha superficie duns 180.000 metros cadrados.