11 agosto, 2024
Do 15 ao 21 de xullo celebrouse en León o Campionato de España de boxeo elite, e a deportista Verónica Fernández tivo a oportunidade de participar nesta competición por primeira vez da man da Selección Galega. Esta boxeadora, natural da parroquia amesá de Oca, pasou directa á final, na que se enfrontou a Paola Benavides, a quen derrotou en tres asaltos cunha puntuación de 4-1,4-1 e 5-1.
Fernández leva boxeando máis de dous anos e, aínda que debutou en novembro do ano pasado, xa participou noutras competicións como o Campionato Galego celebrado en Sanxenxo, no Open Vila de Marín ou nos campionatos galegos de Noia. Tras os bos resultados obtidos nesta campionato, a boxeadora amosa o seu agradecemento ao club AnteloTeam e á Federación Galega de Boxeo.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou que “Ames é un concello cheo de talento para o deporte, tal e como se demostra cos continuos premios e recoñecementos que reciben as nosas e os nosos deportistas. Este éxito é froito do seu esforzo e dedicación e dende o Concello de Ames non podemos máis que expresar o noso orgullo e felicitar a Verónica polo éxito acadado”.