19 agosto, 2024
Dolores Amparo González López, residente na parroquia silledense de Vilar, vén de celebrar o seu 101 aniversario. Esta mañá a alcaldesa, Paula Fernández, e a concelleira de Cultura, Mónica González, visitaron a Amparo na casa do lugar de Cabodevila, onde reside coa súa neta María José e con Toño, o marido desta, dende hai 23 anos.
Alí se trasladou ao quedar viúva dende a súa parroquia natal de Ponte. Amparo, que foi tataravoa hai seis meses, co nacemento de Erik, fillo da súa bisneta Laura, goza dunha saúde e lucidez envexables. É totalmente autónoma e destaca polo seu fermoso sorriso.
Gústalle entreterse con tarefas como debullar chícharos ou atar cebolas, ademais de ver a televisión polas mañás.
Paula Fernández, que a agasallou en nome da veciñanza cun ramo de flores, departiu con ela sobre o día a día e a dura vida que levou co traballo no campo. Amparo, como é coñecida, sumábase o pasado ano ao club de persoas centenarias de Silleda.