7 agosto, 2024
A Pobra do Caramiñal eríxese un ano máis como un dos portos de referencia da Regata Rías Baixas na súa 61.ª edición, sendo a única localidade participante da provincia da Coruña.
A concelleira do Turismo, Estefanía Ramos, remarcou a aposta que se fai dende a Administración local para “enxalza-lo noso mar e a nosa cultura mariñeira. Contamos con regatas de bateis, traíñas, turismo mariñeiro, viaxes en veleiro… E este é un exemplo máis do apoio da Concellaría do Turismo a todo o que ten que ver co noso mar.” Tamén sinalou que esta é unha oportunidade para dar a coñecer entre a tripulación, cando arribe no 15 de agosto no concello pobrense, a paisaxe, patrimonio e gastronomía do municipio.
Pola súa parte, o presidente do Real Club Náutico de Vigo, José Antonio Portela, destacou que esta nova convocatoria une dous aspectos moi particulares: é unha proba deportiva de altísimo nivel con participantes que gañaron na 42 Copa del Rey MAPFRE e tamén ten a faceta turística ao aproveitar para coñecer moitos dos pobos do litoral polo que discorre esta travesía a vela. “A Pobra é imprescindible para o Rías Baixas e para os participantes nesta regata”, como así constatan as enquisas que realiza o ente organizador.
Tomarán parte entre 50 e 60 embarcación que completarán as seguintes etapas: Vigo-Combarro, Combarro-A Pobra do Caramiñal, A Pobra do Caramiñal-Combarro, Combarro-Vigo e Vigo-Vigo.