30 junio, 2024
Representantes de 12 gobernos autonómicos de España participaron esta semana en Santiago nun encontro co obxectivo de establecer uns principios comúns para a xestión ética e responsable da intelixencia artificial que poidan ser asumidos por todas as Comunidades Autónomas.
A xuntanza coincidiu coa celebración na Cidade da Cultura dunha xornada sobre o impacto do regulamento europeo de IA nas organizacións que contou coa participación da recentemente nomeada directora da Oficina de IA da Comisión Europea, Lucilla Sioli, e foi clausurado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda. O evento foi organizado conxuntamente por Gartner e a Xunta de Galicia.
Os representantes autonómicos traballaron nun documento de consenso que recolle unha serie de principios xerais de carácter ético para afrontar o deseño, adquisición e uso de sistemas ou modelos de intelixencia artificial por parte das Administracións públicas. O obxectivo é que este documento sexa asumido por todas as Comunidades Autónomas do Estado.
Entre estes principios atópanse os de boa administración dixital e dilixencia debida; auditabilidade, trazabilidade e explicabilidade; transparencia; claridade; imparcialidade e ausencia de nesgos; seguridade e privacidade; reserva de humanidade e revisión humana; proactividade e personalización; universalidade e accesibilidade, fiabilidade e responsabilidade; avaliación de impacto nas persoas, na sociedade e no medio ambiente; avaliación continua; precaución; formación continua e colaboración e transferencia.
As Comunidades autónomas súmanse con estes principios ao enfoque da Unión Europea para o liderado mundial no desenvolvemento dunha intelixencia artificial fiable, segura e humanista, que sexa un instrumento para gañar eficiencia e aumentar a competitividade en todas as áreas de desenvolvemento.